Luisa Cid | En gallego, En galego
gallego, galego, tradición, abuelos, galicia, lengua, lingua, popular
397
post-template-default,single,single-post,postid-397,single-format-standard,ajax_fade,page_not_loaded,,vertical_menu_enabled,qode-title-hidden,qode_grid_1300,side_area_uncovered_from_content,qode-content-sidebar-responsive,qode-theme-ver-16.2.1,qode-theme-bridge,disabled_footer_top,disabled_footer_bottom,wpb-js-composer js-comp-ver-5.4.7,vc_responsive

En Galego

https://www.laopinioncoruna.es/opinion/2018/10/04/galego/1334490.html

O meu galego non é moi de Celga 4, por moito que o diga algún certificado que gardo nunha carpeta dende hai anos. O galego que eu falo é o que me aprenderon na casa os abós, o galego dos contos de raposos e galiñeiros que tanto divertían á miña aboa Carmen, e tamén o das historias do que era a nenez nas aldeas de Galicia nos primeiros anos do século vinte. Historias de xuventude e beleza, pero tamén de pobreza, emigración e morte. Como a de cando a miña aboa morrera con dez anos dunha pulmonía.  Chorando coa pena, as mulleres da casa limparon  con mimo  o corpo, peitearon os seus cabelos e os adornaron cun lazo;  vestiron á meniña con roupas brancas e a colocaron nunha caixa,  rodeada de frores sobre unha mesa grande de madeira. Veciños e familia achegáronse a dar o pésame, conversar sobre as súas propias traxedias  e pregar entre responsos, rosarios e cirios.  Xa estaban a saír para o camposanto onde agardaba o párroco, cando un home afirmou que a nena non estaba morta. Tivo lugar unha discusión indignada e algúns entendían que estábase a provocar unha dor innecesaria aos apenados pais, pero o home insistiu e pediulle a unha muller un espelliño que levaba no bolso. O colocou baixo o nariz da meniña e todos agardaron en silencio uns intres interminables, ata que un leve vaho empañou o cristal. ¡Cantas veces contara esto a miña aboa! E cada vez, incluso de vella,  parecía  asombrada do preto que estivo de que a soterrasen viva, coma nun conto de Poe.

O meu galego é o das cancións que sonaban no radiocaset do coche cando os domingos saiamos xantar a un restaurante en Arteixo. A media hora de ida e a media hora de volta transcurrían entre “O gato metido nun saco” , “ O Miudiño”, “O Galopín” e o “Pousa, pousa, pousa”.

O galego que eu falo o adquirín axudando a pelar xudías na cociña, coma unha vez que na tele poñían o Drácula de Cristopher Lee, i eu era tan pequeniña que os meus pais non me deixaron vela. Aquela noite o meu abó  me contou cómo de cativo era “o máis listo” da escola, pero polas tardes tiña que ir traballar có ferreiro na forxa.  Faloume da calor, a calor insoportable que case o facía esvaecer; do traballo durísimo e perigoso para calquera, tanto máis para un rapaz pequeno, e da voluntad de ferro por axudar á nai que quedara soa a cargo dun fato de nenos tras marchar o pai á emigración onde pasou moitos anos.

O meu galego é o que aprendín en San Xulián de Pereiramá, a carón dun forno centenario no que se cociñaban os mellores bolos de pan de centeno do mundo, e onde a familia se reunía arredor da cociña bilbaína cando visitábamos “os de La Coruña” e me deron a probar o primerio café de pota. O galego que eu falo é o de Fonteita, onde un día de matanza vin cociñar filloas de sangue que os meus irmáns non se atreveron a probar tras mirar a masa vermella que unha muller remexía dentro da pota.

Pinceladas dunha primeira infancia que transcurriu primordialmente en castelán, pero tamén en galego, antes da educación formal nesta lingua. A educación formal que me ensinou que ése, o meu galego, non é bó, non é normativo, que está deturpado,  cheo de castelanismos e modismos inadmisibles. Ben o sei. Xa sabedes, teño un Celga 4. Pero algo en min non o leva nada ben.

Preguntáronme hai pouco porqué non escribo máis en galego. A resposta está neste escrito, no meu galego imperfecto, o que quedou arraigado, o que, non podo evitalo, sinto como verdadeiro.

https://www.laopinioncoruna.es/opinion/2018/10/04/galego/1334490.html